Actuando como home e muller

Sobre nós

Galeatro nace no ano 2015 en Carballo. Fundada por Alba Bermúdez e Tone Martínez e especializada no público familiar, a súa liña de traballo esténdese desde a formación artística ata a produción de espectáculos de pequeno e gran formato.
Algunhas das pezas que percorren gran parte do territorio galego son: “Entre Bechos Anda o Conto”, “As Aventuras de Mariña”, “Hotel Paraíso”, “Muiñada”, “Carabela volve aos mares” e “Wombo Combo”.

No 2022, Galeatro estreou o seu primeiro espectáculo para público adulto en coprodución co Centro Dramático Galego “Arte sen Guión”, unha comedia atolada que especula sobre como podería ter sido o teatro medieval en lingua galega. No 2024 foi galaordada no “Certame Manuel María para proxectos teatrais” co proxecto “Berenguela na Gaiola”. No 2025 recibiría o premio da Deputación da Coruña “Fondos de proxectos culturais Reino de Galicia” coa proposta “Reino de Galicia á escena”. Xa no 26 recibiría os premios María Casares á Mellor Adaptación/Tradución e a Mellor Espectáculo Infantil pola citada “Berenguela na Gaiola”.

Galeatro naceu coa vontade de promover a creación escénica contemporánea en lingua galega, contando para iso con dramaturgos e dramaturgas galegas vivas. Así, os seus espectáculos foron escritos por Miguel Canalejo (Arte Sen Guión), Ana Carreira (Muiñada) e Paula Carballeira (Carabela, Wombo Combo e Berenguela na Gaiola).
No eido da formación, Galeatro está presente en escolas de teatro de Bergondo, Carballo, Malpica, Mesía, Oleiros, Oroso, Sada e Ordes. Conta con máis de 300 alumnos e alumnas que grazas a estas actividades xa forman parte, dalgunha maneira, do sistema teatral galego.

Filosofía

As arte escénicas deben ser achegadas ao público dende a infancia. A compañía busca empregar esta ferramenta como elemento dinamizador social. Así, os seus distintos espectáculos, as Escolas Galeatro e os proxectos de xestión cultural nos que estamos presentes perseguen que a xente se sinta partícipe do chamado sistema teatral galego. 

Valores

A lingua como vehículo principal da arte escénica, o teatro como elemento de transformación e integración social e a creación dramatúrxica contemporánea son os valores prinicpais da compañía. En Galeatro creemos na necesidade de fomentar o uso do galego dende  a infancia. Así está presente en todos os nosos espectáculos e nas diferentes escolas que xestionamos. Cremos  no teatro como elemento transformador e integrador tanto polo tipo de propostas que producimos como na nosa maneira de xestionar a formación. Fomentamos a dramaturxia conemporánea producindo espectáculos sobre textos orixinais.

Alba Bermúdez Iglesias (actriz)

Licenciada en Interpretación Textual pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. No 2013 realizou o Máster de Artes Escénicas na Universidade Rey Juan Carlos e no 2014 o Postgrado de Arte Cultura e Intervención Social.


O seu percorrido profesional como actriz abrangue compañías como "Triatreros", "Contraproducións" ou "Galeatro", da cal é fundadora. No eido audiovisual participou en "Serramoura",  na webserie "Dálle Jas" ou na curta "As Peixeiras". Como narradora oral, percorre as bibliotecas de Galicia coa súa sesión de contos "Hotel Paraíso" e “As aventuras de Mariña”.


A súa labor como actriz e como narradora oral, compleméntase co desenvolvemento de obradoiros de artes escénicas. Actividade esta que leva exercendo na última década.

Tone Martínez (actor)

Licenciado en Arte Dramática na ESAD de Galicia, este actor, formador e narrador oral especializouse na improvisación teatral con mestres como Gustavo Miranda ou Omar Argentino. Funda, xunto con Alba Bermúdez, a compañía Galeatro, coa que realiza varios espectáculos dirixidos ao público familiar e adulto.

Ademáis das montaxes propias, destacan os traballos realizados en compañías como Triatreros ou o Centro Dramático Galego onde formou parte do elenco dos espectáculos Divinas Palabras Revolution, dirixido por Xesús Ron, e A Peste, de Cándido Pazó.

No eido audiovisual, foi actor de reparto en series como Serramoura e Pazo de Familia.

Como formador, imparte diversos obradoiros en distintas escolas de teatro de Bergondo, Oleiros, Coruña e Ordes.

Esta páxina web únicamente emprega cookies propias con finalidades técnicas. Non se levan a cabo recompilacións ou tratamentos de datos persoais mediante cookies que requiran o seu consentimento. Coñeza máis sobre as cookies que usamos na nosa verContenidoSeccion-title .